martes, 17 de junio de 2008

8,6 millóns de fondos FEDER para a recuperación da conca do Mandeo

No proxecto integráronse os concellos de Betanzos, Aranga, Bergondo, Cesuras, Coirós, Curtis, Irixoa, Oza dos Ríos, Paderne e Sobrado.

A Deputación da Coruña recibe 8,6 millóns de fondos FEDER para a recuperación da conca do Mandeo

16/06/2008

A Deputación da Coruña recibiu unha achega de 8,6 millóns de euros dos fondos FEDER da Unión Europea para o desenvolvemento do proxecto de recuperación da cunca do Mandeo, actuación na que están integrados os concellos de Betanzos, Aranga, Bergondo, Cesuras, Coirós, Curtis, Irixoa, Oza dos Ríos, Paderne e Sobrado.

Esta achega da UE compleméntase cun investimento doutros 3,8 millóns de euros que a Deputación da Coruña financiará con fondos propios no trienio 2008-2010, segundo o programa de investimentos desenvolvido pola institución provincial. O proxecto do Mandeo terá, en consecuencia, un investimento total de 12.400.000 euros. O presidente provincial, Salvador Fernández Moreda, fixo unha valoración moi positiva do compromiso da Unión Europea con este proxecto, que emana do diagnóstico realizado no Plan estratéxico da provincia, aprobado o pasado ano, e realizado pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Fundación Caixa Galicia, e as universidades da Coruña e Santiago de Compostela.

DESCRICIÓN DO PROXECTO

O proxecto MANDEO ten como obxectivo a optimización do uso da auga e a calidade do ecosistema fluvial na conca do río. Para conseguir a rexeneración desta conca construiranse ou melloraranse as infraestruturas de abastecemento e saneamento, crearanse centros de observación e formación, restauraranse áreas degradadas ambientalmente, reducirase a contaminación, realizaranse cursos de formación aos técnicos municipais, campañas de sensibilización da poboación e programas educativos cunha unidade didáctica ambiental.

Crearase unha web do proxecto como leito de participación cidadá e medio de difusión das actuacións que se vaian executando, segundo consta na proposta presentada pola Deputación da Coruña diante da Unión Europea.

viernes, 13 de junio de 2008

REUNIÓN DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS

Convócase a todos os veciños (socios e non socios) de Trasanquelos á reunión da Asociación de Veciños que terá lugar o próximo sábado día 21 de xuño de 2008 ás 21:00 HORAS no local social do campo da festa. É importante a asistencia do maior número posible de veciños xa que queremos dar a todos as mesmas posibilidades de participar nas actividades desta Asociación. Queremos grandes cambios e precisamos a vosa colaboración.

miércoles, 4 de junio de 2008

APROBACIÓN INICIAL DO ORZAMENTO MUNICIPAL DO EXERCICIO 2008 DO CONCELLO DE CESURAS

No BOP nº 123. Venres, 30 de maio de 2008 publicouse o anuncio da aprobación inicial do orzamento municipal do exercicio 2008.

Aprobado inicialmente polo Pleno da Corporación o orzamento xeral para o exercicio económico 2008, a plantilla de persoal e a relación de postos de traballo para o dito exercicio, exponse ao público polo prazo de 15 días hábiles -que empezaron a contar o día 31 de maio-, co fin de que os interesados poidan examinalo e presentar reclamacións diante do Pleno. Se no citado prazo non se presentaren reclamacións o orzamento considerarase aprobado definitivamente, no caso de que haxa reclamacións o Pleno disporá dun mes para resolvelas.

O prazo para presentar reclamacións remata o día 17 de xuño.

lunes, 2 de junio de 2008