lunes, 22 de septiembre de 2008

Calendario de vacinación infantil

No DOG do 22 de setembro de 2008 publícase a Resolución do 12 de setembro de 2008, da
Dirección Xeral de Saúde Pública, pola que se actualiza o calendario de vacinación infantil do programa galego de vacinación. En dita resolución resólvese:

Primeiro.-Incluír a vacina fronte ao virus do papiloma humano en rapazas nadas a partir do 1
de xullo de 1994 segundo vaian cumprindo 14 anos de idade.

Segundo.-O programa de vacinación infantil comprenderá a prevención mediante inmunoprofilaxe activa de:
-Hepatite B.
-Poliomielite.
-Tétano.
-Difteria.
-Tose ferina.
-Sarampelo.
-Rubéola.
-Parotidite.
-Enfermidades invasoras causadas polo Haemophilus Influenzae do serotipo b.
-Enfermidades invasoras causadas por Neisseria meningitidis serogrupo C.
-Varicela.
-Virus do papiloma humano.

Terceiro.-As pautas de vacinación segundo as vacinas serán as seguintes:

Vacina hepatite B: VHB VHB
0 meses: VHB (1ª d.)
2 meses: VHB (2ª d.)
6 meses: VHB (3ª d.)

Vacina da difteria, tétano e tose ferina de tipo acelular: DTPa
2 meses: DTPa (1ª d.)
4 meses: DTPa (2ª d.)
6 meses: DTPa (3ª d.)
18 meses: DTPa (4ª d.)
6 anos: DTPa (5ª d.)

Vacina do tétano e da difteria tipo adulto: Td
14 anos: Td

Vacina inxectable da polio: IPV
2 meses: IPV (1ª d.)
4 meses: IPV (2ª d.)
6 meses: IPV (3ª d.)
18 meses: IPV (4ª d.)

Vacina do Haemophilus influenza tipo b: Hib
2 meses: Hib (1ª d.)
4 meses: Hib (2ª d.)
6 meses: Hib (3ª d.)
18 meses: Hib (4ª d.)

Vacina fronte ao Meningococo C
2 meses: MC (1ª d.)
4 meses: MC (2ª d.)
18 meses: MC (3ª d.)

Vacina fronte ao sarampelo, rubéola e parotidite (triple vírica): TV
15 meses: TV (1ª d.)
3 anos: TV (2ª d.)

Vacina fronte á varicela
12 anos: Varicela (1)

Vacina fronte ao virus do papiloma humano: VPH
14 anos: VPH (2)

1) Persoas que refiran non ter pasado a enfermidade nin recibido esta vacina con anterioridade.
2) Unicamente rapazas, 3 doses: 0, 1, 6 meses.

Esta resolución entrará en vigor o día 29 de setembro de 2008.

martes, 2 de septiembre de 2008

As axudas do Plan Renove de Electrodomésticos poderán solicitarse a partir do 15 de setembro


A Consellería de Innovación e Industria recorda que a partir do 15 de setembro os consumidores xa poderán substituír electrodomésticos antigos por aparatos de alta eficiencia enerxética solicitando as axudas do Plan Renove de Electrodomésticos 2008. Dende o 15 de setembro, o Plan estará en vigor ata o 30 de xuño de 2009.

Pola súa parte, os comerciantes están en tempo (ata o 15) para formalizar a súa adhesión ao Plan Renove, para o cal teñen que cubrir os formularios dispoñíbeis na páxina web do Inega (www.inega.es). No caso dos comerciantes que xa colaboraran co plan o ano pasado non teñen máis que confirmar a documentación entregada ao Inega no seu día ou achegar aquela que sufrise algún cambio. O Inega comunícalles aos comerciantes a aceptación e envíalles as claves necesarias para o acceso á aplicación web.
Innovación e Industria recorda tamén que o Plan Renove 2008 amplía o abano de electrodomésticos subvencionábeis. Se ata o de agora se apoiaba a substitución de lavadoras, lavalouzas e frigoríficos combi, este ano tamén son obxecto de axuda a renovación de fornos eléctricos e placas de cociña de indución e de gas.
A contía das subvencións varía entre os 50 e os 125 euros, en función do electrodoméstico do que se trate e da súa clasificación enerxética, valorándose máis a maior eficiencia. En calquera caso, a porcentaxe de subvención non pode exceder do 25% do custe do aparato.
O usuario só terá que achegarse a un establecemento adherido ao Plan e mercar un dos electrodomésticos citados con eficiencia enerxética clase A ou superior, a un prezo que xa inclúe a minoración do importe da axuda. A continuación, o comerciante cumprimentará o formulario de solicitude que terá ao seu dispor na páxina web do Inega e que asinará o comprador. A relación posterior unicamente se establece entre o Inega e o establecemento comercial, que se compromete a enviar o antigo equipo para a súa reciclaxe e a tramitar no INEGA as solicitudes realizadas a mes vencido coa correspondente documentación para o pagamento do seu importe total por parte do Instituto.